Antonio López Vidal, crego e primeiro alcalde da democracia da Fonsagrada

Escrito por

Naceu no Padrón no ano 1936, formouse no Seminario de Lugo e foi ordenado crego no 1961. Nas primeiras eleccións municipais do ano 1979 converteuse no alcalde da Fonsagrada. Estivo ao fronte do Concello durante oito anos, baixo as siglas de Coalicion Galega. Na primeira lexilastura tamén foi deputado provincial.

Electrificación e pistas

Como el di, o buque insignia do seu mandato foi a electrificación de todo o Concello, que por aquel tempo estaba practicamente ás escuras, pois, aínda que había luz nagunhas aldeas, esta era de mala calidade e de escasa potencia.

A esta tarefa adicou todos os esforzos ao longo dos oito anos que foi alcalde da Fonsagrada. Recoñece que foi un traballo duro e difícil pola enorme extensión deste concello, o segundo máis grande de Galicia. Desta tarefa destaca que os veciños facilitaron moito as cousas, pois apenas niguén puxo atrancos para a instalación das liñas, deixándoas pasar por onde fixera falla.

Unido a este gran proxecto de electrificación, que se fixo tamén coa colaboración económica dos veciños, estaba a apertura das pistas, necesarias para a comunicación das aldeas e tamén para poder facer as obras das que falabamos antes. Se non había por onde pasar, non se podía instalar a rede eléctrica e, por outra banda, de pouco valería ter luz se as aldeas seguían incomunicadas e non podían chegar a elas nin coches nin tractores.

Instituto de Bacharelato e o Colexio de Vilardíaz

No eido educativo e cultural, destaca a creación do Instituto de Bacharelato na que era unha das escolas públicas que había na vila. O primeiro curso foi dependente do de Becerreá, pero despois xa funcionou con autonomía.

O Instituto facilitou moito a formación da xuventude daquel tempo, xa que non tiñan que desplazarse a Lugo, co que iso supoñía de aforro económico.

Tamén facilitou notablemente a vida dos nenos e dos pais daquel momento a creación do Colexio de Vilardíaz, evitandolles longos  e cansados desprazamentos ata a escola da Vila.

Outras obras

Durante o mandato de Antonio, arranxáronse o pavimento e as beirarúas da avenida de Asturias-Galicia. Unha obra feita a conciencia, xa que aínda hoxe se conserva ese firme sen apenas ningún deterioro.

Outras obras foron, a renovación do tubo polo que chega a auga á Fonsagrada desde o Muradal, a construcción de trinta vivendas sociais nos chaos e a nave do campo da feira.

Nesta época tamén se iniciou a colocación de alumeado público, o formigonado dos camiños dos pobos e a instalación setenta teléfonos públicos.

Alcalde de casualidade

Na conversa que tiven con el, Antonio contoume que fora alcalde de casualidade, que nunca pensara niso como posibilidade. O seu plan era ir na lista electoral, pero nunca de primeiro. Uns cantos veciños, con ganas de darlle un novo pulo ao Concello, pedíranlle colaboración para levar a cabo esa renovación, que tiña que vir coa recén estreada Democracia. 

Un cambio de última hora fixo que os seus compañeiros de listaxe o puxeran a el de primeiro, de forma que cando se enterou desa decisión, xa estaba presentada a lista definitiva en Lugo.

Un cura alcalde

Por aquel tempo, en principio, non había ningún problema para que un cura se adicase á politica. Tamén é verdade que, como nunca se dera o caso, non había nada regulado. De feito, foron varios os cregos que en Galicia ocuparon cargos públicos naquela época.

Quizais o problema veu despois, nas seguintes eleccións, cando a Conferencia Episcopal considerou que os relixiosos non podían compatibilizar o exercicio do seu ministerio coa política. 

A pesar desa advertencia, Antonio considerou que se debía presentar unha vez máis, sobre todo porque quería rematar a obra de electrificación na que puxera tanta ilusión e tantos esforzos. Gañou as eleccións cunha ampla maioría e pola contra, perdeu a paga de cura, aínda que seguiu atentendo as súas parroquias, que non viron minguado o seu coidado, como ben puido comprobar o Bispo cando veu facer a visita pastoral. 

Na primeira lexislatura non cobraba ninguna paga do concello, so os desprazamentos. Na segunda, ao perder a asignación do bispado comenzou a percibir 50.000 Pesetas do Concello.

¿Que fai agora Antonio?

Pois, con máis de oitenta anos, segue atendento  as súas parroquias. Segue sendo a mesma persoa ordenada, meticulosa e puntual de sempre. Por certo, cunha caligrafía que nin a mellor impresora do mundo podería facer.

Agora, que xa non vai de caza, adica o seu tempo libre a dar longos paseos.

Da súa época como alcalde, quédalle a afección de seguir con detalle a evolución (ou retroceso) do censo das nosas aldeas e parroquias.

@fonmiguel

Foto: Manuel

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Historia

Comentarios

  • Eu coñeceo ben, viviu na casa dos meus país moitos anos.Nunca votou en cara as axudas aos vecinos e sobre todo quero dicir que foi un home honrado e honesto, escrupuloso cos cartos dos demás e unha grande persoa. Ainda que discrepei del en ocasions quero dicir que para min foi e e un imán, un exemplo a seguir, cos seus defectos e coas suas virtudes. Un gran abrazo para este irman

    José Gabriel Pacin Lopez 4 Xuño, 2018 7:26 p.m. Responder

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *