A Xunta achega 13.500 Euros para a mellora da accesibilidade e estacionamemento na ruta da seimeira de Vilagocende

Escrito por

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta busca poñer en valor unha das zonas turísticas máis importantes deste municipio, xa que conten un dos saltos de auga máis grandes e espectaculares de Galicia

A Fonsagrada (Lugo), 30 de xullo de 2018.- A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, vén de conceder unha axuda de 13.500 euros ao Concello da Fonsagrada para o acondicionamento da zona de aparcamento e mellora da ruta da Seimeira de Vilagocende, unha das zonas turísticas máis importantes deste municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que con esta axuda trátase de facilitar a accesibilidade da propia ruta e a posibilidade de aparcamento das persoas que queiran visitar este espazo, que contén un dos saltos de auga máis espectaculares da provincia, ao paso do río Porteliña, e tamén un dos máis grandes de Galicia, pois supera os 50 metros de altitude.

Na actualidade, no punto de orixe da ruta, existe unha pequena zona de aparcamento para tres o catro vehículos, unha cantidade moi insuficiente para asumir o volume de visitas que recibe. Por iso, o groso da achega vai dirixida a financiar os traballos de escavación e desmonte do terreo no que se pretende ampliar a superficie e para o acondicionamento dunha explanada que serviría como parque e como espazo para que os automóbiles ou vehículos máis grandes como autobuses poidan realizar as distintas manobras.

A axuda tamén permitirá acometer outros traballos de mellora e posta en valor da propia ruta, como a limpeza e roza dos laterais do camiño desde a estrada á seimeira, un espazo de circulación peonil, ou o acondicionamento do firme de camiño cunha capa de zahorra compactada, ideal para facilitar o paso seguro e a accesibilidade dos visitantes e dos sendeiristas.

“En definitiva estamos a falar de poñer en valor un espazo natural chego de árbores autóctonas, espectaculares miradoiros naturais e no que se conta coa propia fervenza”, explicou Balseiro.

Texto: Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial de Lugo da Xunta de Galicia

Foto: @fonmiguel

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Natureza · Sen categorizar

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *