O grupo popular da Fonsagrada defenderá no pleno a redución e bonificación do IBI

Escrito por

A Fonsagrada, 5, setembro, 2018. O grupo municipal popular da Fonsagrada defenderá na vindeira sesión plenaria que se celebrará este xoves, 6 de setembro, a redución dos actuais coeficientes do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e a aplicación de bonificacións sobre o gravame para as familias numerosas, as persoas con minusvalía igual ou superior ao 33%, os veciños e veciñas que non perciban retribucións que superen o Salario Medio Interprofesional (SMI) ou as asociacións de interese social ou cultural coma as de cazadores ou as de baile tradicional, por exemplo.

Dende o PP da Fonsagrada tamén inclúen nesta proposta de bonificación do imposto coñecido como “contribución” ás construcións ligadas ao agro que, segundo indican, “noutros Concello contan cunha bonificación de ata o 95%”. Igualmente, tamén teñen en conta bonificacións neste imposto suporía unha redución do mesmo sobre os bens nos que se desenvolva algún tipo de actividade económica ben sexa unha empresa ou un autónomo. Neste caso, “pódense diferenciar tramos de bonificación segundo o número de traballadores e outros criterios co obxectivo de beneficiar aos pequenos empresarios e emprendedores”, indican.

Os populares cren que “o Concello da Fonsagrada conta cun orzamento suficiente que, se fose xestionado eficientemente polo Goberno local, permitiría non repercutir nos veciños e veciñas os atrasos do IBI trala revisión do valor catastral dos inmobles. Por iso consideramos necesarias estas medidas coas reducir o máximo posible as cantidades que teñan que aboar os veciños e veciñas por este concepto”.

Ademais, segundo defenden dende o PP local, “estas medidas contribuirían a facilitar a vida dos veciños e veciñas do municipio e, polo tanto, a fixar poboación”.

Queixas veciñais

Os populares trasladan así á corporación municipal da Fonsagrada as queixas dos veciños e veciñas que lles teñen transmitido en relación ao IBI e “ás grandes cantidades de diñeiro esixidas para regularizar as construcións ante Catastro”. Pos iso cren que “debemos tomar medidas para minorar as eivas tributarias que están a xerar este imposto sobre todo no noso rural”.

[Nota remitida por PP de Lugo] [Foto: Google Maps]
Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Política

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *