A Xunta destina preto de 280.000 euros a impulsar tres novos establecementos turísticos na Fonsagrada

Escrito por

A Fonsagrada, 20 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia investiu preto de 280.000 euros en tres novos establecementos turísticos no concello da Fonsagrada, construídos co apoio da Consellería do Medio Rural a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se trata dun complexo de bungalows, un centro de atención ao peregrino e un hotel, todos eles recentemente rematados e que supuxeron un investimento de máis de 580.000 euros. Durante a visita aos dous primeiros, o delegado gabou a iniciativa do promotores e sinalou que a Xunta “traballa ao seu carón para potenciar e aproveitar as oportunidades que brinda o recoñecemento do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade”.

“Para elo -engadiu-, un dos instrumentos máis eficaces son os GDR, que xogan un importante papel na diversificación das actividades económicas nos concellos rurais”, en boa medida porque “son os propios axentes locais, a través das asociacións que constitúen os GDR, os que valoran e seleccionan os proxectos máis axeitados no seu territorio, coa implicación das diferentes administracións públicas”.

No caso da Fonsagrada, as axudas impulsan investimentos por importe de máis de 580.000 euros nas tres iniciativas turísticas vinculadas á ruta Xacobea. En concreto, construíronse oito bungalows para incrementar a capacidade dun cámping xa existente nas inmediacións do núcleo urbano; ademais, sufragáronse melloras en varias dependencias do establecemento, como un almacén cuberto ou a construción dun pozo.

Tamén ás aforas da localidade habilitouse un centro de atención aos peregrinos de planta baixa, con servizos como garaxe para bicicletas, lavandería, zona de relax e lectura ou xogos infantís. E no núcleo urbano reformouse unha casa tradicional para convertela en hotel.

Os GDR apoian tanto iniciativas produtivas como non produtivas, é dicir, os fondos benefician non só a empresas senón tamén a entidades de carácter social. Neste sentido, cabe apuntar que neste municipio financiouse un cuarto proxecto, a creación da páxina web da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, achegando 1.485 euros (o 90 por cento do investimento realizado).

Balseiro concluíu que “desde a Xunta hai unha clara aposta por este modelo de dinamización do agro, e por iso, o Goberno galego incrementará o vindeiro ano os fondos para os grupos de desenvolvemento rural ata chegar aos 21,4 millóns de euros”.

[NP. Xunta de Galicia]
Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Economía

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *