Os 67 Concellos da Provincia xa contan co Dispositivo Invernal da Deputación

Escrito por

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, acompañado de Alcaldes da provincia, deu conta este luns na Fonsagrada do Plan Invernal que xa ten en marcha o organismo provincial para garantir a seguridade na rede viaria provincial e municipal. Trátase dun dispositivo co que o Goberno da Deputación contribúe ao fomento do emprego na provincia, o das 7 PEMES lucenses con experiencia no eido das actuacións por incidencias causadas pola neve e xeo, que prestan servizo á rede máis extensa do estado con máis de 4.200 quilómetros.

Fernández Queipo avanzou que “o dispositivo invernal da Deputación está composto por 112 operarios e 64 máquinas, e conta con máis de 420 toneladas de sal nos 12 saleiros que hai na provincia”. Lembrou, ademais, que “na pasada campaña o organismo provincial empregou 1.000 toneladas de sal e atendeu preto de 800 incidencias, o que supón un aumento considerable respecto da pasada anualidade por mor do empeoramento das condicións meteorolóxicas”.

O Vicepresidente e Alcalde da Fonsagrada lembrou os investimentos en estradas provinciais “superamos os 35 millóns nos últimos 3 anos, e nesta anualidade estamos executando obras de máis de 18 millóns de euros. Nesa liña, o vindeiro ano, reforzaremos estas actuacións con 13 millóns para que máis da metade da rede viaria provincial conte con aglomerado en quente. Porque por riba de todo, defendemos a mobilidade como un dereito máis dos cidadáns. E a Montaña Lucense non pode quedar atrás nas melloras das infraestruturas viarias da provincia”.
Lembrou ademais “que en intensos temporais, o organismo provincial actúa en estradas da provincia de León, pois lindan coas de Lugo, por iso é mais necesaria ca nunca a colaboración entre as diferentes administracións”.

Fernández Queipo fixo un chamamento á cidadanía “para que cada vez que existan condicións meteorolóxicas adversas consulten as previsións, e fagan caso as recomendacións das diferentes administracións para circular con total seguridade”.

Incidencias
Na pasada campaña nas estradas provinciais empregáronse mais de 1.000 toneladas de sal, e actuouse en preto de 800 incidencias; das cales 565 foron relacionadas con actuacións de xeo e neve, e o resto por outro tipo de problemas nas vias como caída de arbores ou desprendementos. Os municipios nos que máis incidencias se rexistraron foron Baleira, Becerreá, Folgoso do Caurel, Cervantes, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

8 zonas de actuación
O dispositivo despregado pola Deputación atópase dividido en 8 zonas da rede viaria provincial. Por cada unha delas hai 8 vehículos -2 máquinas quitaneves con cuña, 2 tractores adaptados con saleiro e cuña, 2 pick up, adaptadas con cuña e saleiro e 2 vehículos de apoio con medios mecánicos- e 14 operarios. Isto significa que, en total, a Deputación ten 64 máquinas e 112 operarios previstos para actuar durante as 24 horas do día en calquera punto da provincia. Ademais, cada empresa adxudicataria que atende a cada zona terá que dispoñer do dobre de medios, por si fóra preciso utilizalos. A maiores aparte desta maquinaria, o dispositivo tamén conta con varias máquinas do parque móbil como palas mixtas ou camións, que se engaden ao protocolo de actuación se é preciso.

As zonas de actuación son:

Zona Norte
– Zona 1, con 530 quilómetros de vías, nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 2, con 618 quilómetros, no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.

Zona Centro
– Zona 3, con 668 quilómetros, en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
– Zona 4, con 680 quilómetros, en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.

Zona Oeste-Sur (A Montaña)
– Zona 5, con 332 quilómetros, en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 6, con 334 quilómetros, en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 7, con 313 quilómetros, en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.

Zona Sur
– Zona 8, con 738 quilómetros, en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

12 silos de sal
O organismo provincial conta con 35 toneladas de sal para os 12 silos, que se encontran en Cervantes, Folgoso do Courel, Becerreá, A Fonsagrada, Ribas do Sil, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Como vén ocorrendo nos últimos anos, a Deputación suministra aos Concellos sal, de xeito totalmente gratuíto, para a súa aplicación nas estrada municipais.

Presentación
Ao acto de presentación do Plan Invernal da Deputación celebrado na Fonsagrada asistiron unha ampla representación de Concellos da Montaña. Ademais do Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, tamén participaron o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena; o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín; e o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico.

http://www.deputacionlugo.gal/gl/node/70260

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Sen categorizar

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *