O PP da Fonsagrada recrimínalle ao alcalde “a falta de vontade política para impulsar solo industrial no municipio”

Escrito por

A Fonsagrada, 5 de decembro de 2018.- O PP na Fonsagrada súmase á petición que a asociación de empresarios Fonte Sacra lle trasladou ao rexedor local solicitándolle o inicio da tramitación dunha modificación das actuais normais subsidiarias para clasificación do solo como urbanizable de cara á dotación de solo industrial adecuado para a instalación de novas industrias. Polo tanto, os populares aclaran que “non é necesaria a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para crear solo industrial. O que si é precisa é a vontade política por avanzar no procedemento que favoreza o asentamento de industrias no noso municipio”.

Os populares cren que “xa está ben de tomarlle o pelo aos fonsagradinos. Dende o ano 2003 que goberna o Partido Socialista na Fonsagrada fixéronse moitos polígonos noutras vilas de Galicia que, senón, estarían paralizadas. Pero despois de 15 anos, o Goberno local non foi capaz de cumprir a súa promesa”, engaden. “Isto demostra a falta de interese do alcalde da Fonsagrada por impulsar o polígono industrial porque, neste tempo, podería ter tramitado a modificación das normas subsidiarias para a clasificación do solo con este fin”, explican dende o PP local.

A este respecto, o Partido Popular fonsagradino pídenlle ao rexedor que “se deixe de palabrería e faga algo” porque “o PSOE dende que goberna na Fonsagrada levou no seu programa electoral cada campaña o polígono industrial que aínda hoxe non existe”.

Os populares recordan que “os propios empresarios que forman parte da asociación presentaron un escrito no Concello explicando como facer o polígono industrial sen que o PXOM estea aprobado”. Polo tanto, “se non o hai é porque o alcalde non quere”, reiteran.

O parque empresarial: “unha necesidade que non pode agardar máis”

Dende o PP local inciden en que “levamos moito tempo agardando a que esta vella reclamación dos empresarios se faga realidade. Pasaron case 15 anos dende que o Concello iniciou a tramitación de modificación do planeamento necesaria para poder aprobar a delimitación dun sector de solo urbanizable industrial que ata o de agora non se conseguiu, a pesar de que o propio plan xeral que se está a tramitar dende o ano 2009 xa recoñece esta necesidade e que, ante a súa falta, os veciños e veciñas da Fonsagrada teñen que establecer as súas empresas noutros municipios”.

Ante esta situación, os populares fonsagradinos cren que “a pesar de que o PXOM foi aprobado inicialmente; cada informe desfavorable, aínda que nada teña que ver co solo industrial, pode facer retrasar a súa aprobación definitiva durante moito tempo máis”. Por iso, apostan por “iniciar a tramitación da modificación das actuais normais subsidiarias para clasificación do solo como urbanizable para dotar de parque empresarial ao municipio canto antes. É unha necesidade que non pode agardar máis”, inciden.

Outros exemplos da mala xestión local

Os populares aseguran que “xa coñecemos a mala xestión do alcalde socialista. Un exemplo é o que fixo cos GES; xa que tras despedir aos traballadores de xeito improcedente, tal e como os declarou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e logo de que o Xulgado do Social nº 3 de Lugo lle requirira por segunda vez ao Goberno local que procedera ao abono das cantidades que lles adebedaba a eses traballadores despedidos; no último pleno aprobou o abono de preto de 40.000 euros para pagar preto de 20.000 en indemnizacións e outros 20.000 euros aproximadamente para pagar a un avogado e un procurador cando o Concello dispoñía de xeito gratuíto dese servizo por parte da Deputación”, recordan. Pero, “este diñeiro malgastado é de tódolos fonsagradinos e fonsagradinas”, inciden dende o PP local.

Foto: Google Maps

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Economía

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *