Medio Rural inviste 7,8 millóns de euros neste ano en tarefas de mantemento e posta en valor da superficie forestal da provincia

O Servizo de Montes xestionou este ano 32 expedientes de obras por importe global de 1.683.000 euros, e delas máis do 58 por cento corresponde a proxectos executados total ou parcialmente nas comarcas dos Ancares e A Fonsagrada

Escrito por

A Xunta de Galicia investiu máis de 7,8 millóns de euros este ano en tarefas de mantemento e posta en valor da superficie forestal da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou este dato e explicou que a Consellería do Medio Rural aprobou 302 expedientes de subvención para titulares de montes e executou directamente 59 obras, tanto labores de limpeza do monte, podas e desbroces ou mellora de infraestruturas como pistas, puntos de auga ou cortalumes. No que respecta á inversión, o 63 por cento corresponde as axudas e o resto a obras propias.

Balseiro visitou hoxe os terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Virigo e os da Comunidade de Montes de Cociña, Tola e Trigal, no municipio de Navia de Suarna, beneficiarias dunha das liñas de axuda que xestiona a Consellería. Ao respecto, cabe subliñar que a maior parte do orzamento está destinado a montes veciñais en man común, que ou ben recibiron subvención ou teñen subscrito un convenio de xestión coa Xunta.

Tal e como explicou, o Goberno galego realiza este esforzo inversor para que a superficie forestal da provincia estea nas mellores condicións durante a época de alto risco de incendios, evitando ou minimizando os danos, “pero tamén para fomentar o aproveitamento sustentable do monte, porque o sector forestal pode ser un piar económico importante para esta provincia, e moi especialmente para as comarcas da montaña, onde se realiza boa parte deste investimento”.

Neste sentido, Balseiro lembrou que o Servizo de Montes xestionou este ano 32 expedientes de obras por importe global de 1.683.000 euros, e delas máis do 58 por cento corresponde a proxectos executados total ou parcialmente nas comarcas dos Ancares e A Fonsagrada. En xeral, a representatividade destas comarcas nos outros programas de actuación sitúase entre o 25 e o 30 por cento.

Polo que respecta ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, realizou 27 obras de mellora de pistas, cortalumes ou puntos de auga, por importe global de 1.239.000 euros (o 28 por cento nos concellos dos Ancares e A Fonsagrada).

Programas de axudas

A Consellería do Medio Rural aprobou en Lugo 40 subvencións ao abeiro da primeira convocatoria de axudas da Consellería para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais. Significa un investimento de 800.000 euros e a ordenación de 26.000 hectáreas de monte.

Este programa ten por obxecto fomentar os instrumentos de ordenación nos montes. En concreto, estes fondos permitirán subvencionar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentación simple de xestión, documentos compartidos de xestión e os documentos de adhesión masiva a modelos silvícolas. Preténdese así facilitar que os propietarios dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. A curto e medio prazo estes instrumentos serán imprescindibles para a realización de aproveitamentos forestais.

As tarefas silvícolas e de mantemento son promovidas mediante distintos programas de apoio aos titulares dos montes, que sumaron na provincia 262 expedientes e un investimento de 4.148.000 euros.

En xeral, realízanse accións de roza, poda e tratamento dos restos e, nalgúns casos tamén se financia a construción de puntos de auga. O obxectivo é previr os danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, e incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.

Balseiro subliñou que a Xunta procura a valorización do monte galego “para que sexa un activo de importancia para os seus propietarios, produtor de rendas e servizos, ao tempo que mellora a estrutura forestal de Galicia e consolida a nosa paisaxe, fauna e flora”.

Na mesma liña, engadiu que os programas expostos dan lugar “a investimentos que se sitúan entre os máis cuantiosos que se teñen realizado no ámbito rural nos últimos anos” e demostran “a forte aposta da Xunta polo sector forestal”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36044/medio-rural-inviste-7-8-millons-euros-neste-ano-tarefas-mantemento-posta-valor?fbclid=IwAR1d6rz4a4AQVZyYRxls_VuxVbV4UczyDA69C46CS-F2MV7FfOrtFx2S0_A

 

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Economía · Natureza

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *