José Luís Regueiro encabezará un proxecto “novo, necesario e de cambio #PorUnhaFonsagradaConFuturo”

Regueiro ten “as ideas moi claras” e proxecta unha Fonsagrada “libre de caciquismos, con apoios á natalidade, impulsos ao emprego e aos servizos sociais, ademais de mellores comunicacións e de saber aproveitar os nosos recursos”

Escrito por

A Fonsagrada, 21 de decembro, 2018. José Luís Regueiro Fernández foi presentado hoxe como candidato do Partido Popular á alcaldía de A Fonsagrada, durante un acto no que participaron o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto a líder dos populares lucenses, Elena Candia, ademais doutros cargos do Partido coma alcaldes e portavoces da comarca da Montaña, senadores, deputados nacionais, autonómicos e provinciais. Ante máis de 200 asistentes, o candidato popular amosouse “ilusionado e orgulloso” por ter a oportunidade de presentar “un proxecto novo, de cambio para A Fonsagrada, necesario e de avance que desenvolveremos baixo o lema #PorUnhaFonsagradaConFuturo”.

A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, tivo palabras de agradecemento para José Luís Regueiro “polas ganas, o sentimento e o compromiso que transmite cada vez que nós fala de A Fonsagrada”. Así, Candia eloxiou tanto a “vontade que motiva a Regueiro a encabezar este proxecto coma o seu compromiso por asumir esta responsabilidade tal e como foi asumindo outras no eido profesional e persoal”.

Para a presidenta dos populares lucenses é “moi necesario” poñerlle freo a un alcalde que “non defende aos seus veciños, pon paus nas rodas ao desenvolvemento da vila e se presta a campañas políticas como a de inaugurar a residencia que anos despois segue sen funcionar. Non se poden perder máis anos de oportunidades mentres o alcalde atende aos líos internos do PSOE na Deputación Provincial”.

Tanto Elena Candia como José Luís Regueiro tiveron palabras de agradecemento para o Grupo Municipal do PP que, “de xeito incansable”, traballa para canalizar as peticións dos veciños ante un Goberno socialista cos brazos cruzados”.

“Coas ideas claras” en contra da perda de servizos

José Luís Regueiro defínese como “un fonsagradino máis”, que sinte orgullo pola súa terra e que ve a realidade que se está a dar na localidade. Por iso da un paso ao fronte e presenta a súa candidatura co obxectivo de “construír entre todos un cambio en positivo para que a nosa localidade volva a ser un referente para a comarca da Montaña e mesmo para Asturias”.

O candidato popular preséntase “coas ideas claras”, polo que proxecta “unha Fonsagrada libre de políticas caciquís; unha Fonsagrada nova, comprometida co futuro para que os nosos fillos e fillas queden aquí e non se vexan obrigados a marchar; e unha Fonsagrada que aproveite os seus recursos e dende o Concello se xestionen adecuadamente para xerar emprego e iniciativas empresariais”.

O popular tampouco se esquece da necesidade de dotar á Fonsagrada de vivendas sociais, dunha residencia pública con prezos accesibles; así como de melloras nas comunicacións; “ademais de garantir servizos tan básicos como é o do subministro de auga”. O candidato tamén citou melloras no casco urbano e nas 29 parroquias do municipio.

Regueiro asegura que “non quero que na Fonsagrada cada día haxa máis bares baleiros, casas pechadas, carteis de se vende ou comercios sen xente”. Nese senso, baseándose no discurso ‘A have a dream’ de Martin Luther King, Regueiro tamén manifestou que ten un soño: o dunha Fonsagrada que mire cara ao futuro, con posibilidades para o desenvolvemento do emprego, industria, turismo e que ofreza os servizos necesarios para pequenos e maiores”. Así, “defenderei A Fonsagrada por riba dos intereses de calquera, custe o que custe e enfronte a quen enfronte”, asegurou o candidato do PP á alcaldía.

Currículo       

José Luís Regueiro, nado no 1987 en A Fonsagrada, é presidente dende o ano 2017 da comisión xestora do Partido Popular na localidade. Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, cun curso superior en correduría de seguros, cun ciclo en F.P Técnico en Emerxencias Sanitarias e con certificado de profesionalidade para a docencia de formación profesional para o emprego (Nivel III); ten unha importante e ampla experiencia profesional.  Na actualidade é responsable de formación e técnico en emerxencia sanitarias, posto que compaxina co de docente por conta propia tamén no ámbito do transporte e da atención sanitaria. A maiores, é socio e administrador dunha correduría de seguros e desenvolve actividade no negocio familiar funerario abarcando todos os ámbitos da empresa

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Política

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *