Regueiro alégrase da licitación das obras de mellora da estrada provincial entre A Fonsagrada e Navia, aínda que lamenta que “cheguen máis de dez anos tarde e só afecten a 4 quilómetros”

O candidato do PP á alcaldía da Fonsagrada recorda que “as obras que agora anuncia o alcalde socialista xa foran proxectadas na época do goberno do PP na Deputación Provincial”

Escrito por

A Fonsagrada, 18, febreiro, 2019. O candidato do PP á alcaldía da Fonsagrada, José Luís Regueiro, alégrase de que “por fin os veciños vemos o inicio das obras de mellora da estrada provincial entre A Fonsagrada e Navia de Suarna”; pero lamenta que “estas actuacións cheguen máis de dez anos tarde e só afecten a 4 quilómetros desta vía”.

O popular explica que “as obras de ampliación desta estrada que agora anuncia o alcalde socialista xa foran proxectadas na época do goberno do PP na Deputación Provincial” en resposta á demanda veciñal.

A este respecto, Regueiro critica que “cando os veciños xa non aguantabamos máis, deciden actuar en só 4 quilómetros”. Nesta liña, “se temos que agardar outro tanto tempo para arranxar outros tantos quilómetros, non veremos nunca como esta estrada chega a Navia”.

Para os populares, esta actuación responde a que “estamos ás portas das eleccións e os socialistas só traballan nestas datas”. Aínda así, Regueiro defende que “con isto, demostran que non fixeron nada en todo o mandato porque esta estrada podía estar xa en funcionamento. Incluso hoxe terían que anunciar a súa inauguración e non a licitación de só 4 quilómetros”.

O candidato do PP á alcaldía cre que “esta actuación deberalle dar vergoña ao rexedor local despois de tantos anos como membro do Goberno provincial socialista do que agora é vicepresidente, ademais de responsable do departamento de obras”.

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Política

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *