A Xunta investirá este ano 1,8 millóns de euros nas obras de mellora de tres estradas na Fonsagrada

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que é “a actuación de maior orzamento” das executadas por calquera Administración durante este mandato municipal, equivalente ao 80% do presuposto do concello

Escrito por

A Fonsagrada (Lugo), 22 de febreiro de 2019. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará este ano un proxecto de mellora de estradas da rede autonómica na Fonsagrada que suma un investimento de 1.833.000 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe o plan e explicou que se licitará e adxudicará nos vindeiros meses coa previsión de rematar as obras no presente exercicio.

O delegado subliñou que se trata “da actuación de maior orzamento que se executa no municipio durante este mandado municipal por parte de calquera administración”. Para facerse unha idea, engadiu, “baste sinalar que o investimento neste proxecto equivale ao 80% do presuposto municipal total”. Neste sentido, asegurou que a Xunta “é a administración que máis inviste na Fonsagrada”.

A Xunta de Galicia vai acondicionar en total preto de 40 quilómetros de estrada en tres vías da rede autonómica do municipio fonsagradino. A intervención máis ambiciosa será a reforma integral da LU-740, que une o núcleo da Fonsagrada con Vilardíaz; destínanse 1,3 millóns de euros á extensión dunha nova capa de rodadura con mezcla asfáltica en quente en toda a lonxitude da estrada (17,6 quilómetros).

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) -que depende da Consellería de Infraestruturas- prevé tamén actuacións de rehabilitación do firme nas estradas LU-701 e LU-703, que conectan con Asturias. A primeira comeza na capitalidade da Fonsagrada e ten unha extensión de 12,2 quilómetros, mentres que a segunda mide 8,7 quilómetros e parte de Barbeitos.

Nestas estradas vanse realizar fresados localizados nos treitos máis deteriorados, con posterior reposición do pavimento con mestura bituminosa en todo o ancho do carril.

Balseiro desprazouse hoxe ata A Fonsagrada para dar a coñecer este proxecto que, afirmou, “afecta a estradas que vertebran o municipio, tanto as conexións interiores como con Asturias”.

Na mesma liña, afirmou que a consellería traballa “pola mellora das infraestruturas para incrementar a seguridade viaria e axudar ao impulso económico das zonas rurais”. Ao respecto, afirmou que as estradas implicadas nesta actuación “son importantes para os sectores do transporte e agrogandeiro, pero tamén para o sector turístico que despunta no municipio”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/37743/xunta-investira-este-ano-1-8-millons-euros-nas-obras-mellora-tres-estradas-fonsagrada

 

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Infraestructuras

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *