450 persoas participarán na VI Ruta dos Lobos da Fonsagrada, co apoio do Goberno da Deputación

A carreira terá lugar o sábado 6 de abril e contará con dous percorridos, un longo, de 54 quilómetros e un curto de 29 quilómetros. Dará comezo ás 11:00 horas e terá un percorrido circular con saída e meta na Praza do Concello. Ao remate haberá unha cea

Escrito por

O Vicepresidente da Deputación e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentou este luns no Pazo de San Marcos, xunto a membros da organización, a IV Ruta dos Lobos, que terá lugar o sábado 6 de abril, maioritariamente no municipio fonsagradino, aínda que tamén percorre varios quilómetros por Negueira de Muñiz. O Goberno da Deputación colabora na difusión e promoción do evento, que reunirá a persoas de toda a provincia e de diferentes puntos de Galicia e do norte peninsular.

Fernández Queipo subliñou que “as inscricións para esta carreira de BTT comezaron o 1 de febreiro e nunha semana xa se esgotaran as 450 prazas ofertadas, o que confirma que é unha cita con moito éxito na montaña á que cada ano se achega máis xente, pois esperta interese en moitos ámbitos: deportivo, turístico, cultural e paisaxístico. Para nós é un orgullo contar no noso concello con esta cita que xa ten recoñecemento nacional”.

A ruta conta con dous percorridos diferentes: un de 54 quilómetros, cun desnivel de máis de 1.900 metros positivos, sumando un acumulado de 3.800 metros; e outro de 29 quilómetros, con 1.200 metros de desnivel positivo e chegando aos 2.400 metros de desnivel acumulado ambos con puntos de avituallamento. Ademais, desde a organización facilitarase unha lista con puntos de interese para o seguimento da proba.

A ruta cicloturista dará comezo na Praza do Concello ás 11:00 horas, e terá un percorrido circular, que presenta 13 quilómetros de cambios no itinerario, con respecto á ruta do ano pasado. Ao remate tanto os participantes, como os acompañantes terán unha cea de confraternización no comedor Escola-Fogar a base de fabas con xabaril, tenreira da Fonsagrada, na que ademais se sortearán agasallos.

Durante a fin de semana poranse en marcha varias actividades paralelas, como a Loboescalada, unha carreira cronometrada nocturna, que vai desde unha das rúas máis baixas da vila ata a Praza do Concello, unha das máis altas; nela poden participar pequenos e maiores e terá lugar o venres a partir das 21:00 horas; unha visita guiada para os acompañantes dos corredores, que sairá as 11.30 do sábado e na que os visitantes coñecerán o museo Etnográfico de Grandas de Salime e a fábrica de cervexa artesá “Pintega”; ou unha xincana gratuíta para os máis pequenos, que se desenvolverá na praza do Concello coincidindo coa chegada dos primeiros corredores.

Puntos interesantes nos que poder ver a Ruta dos Lobos
–    Ruta  do Rellouro, O mazo de Vicente.
–    Baixada da Seimeira de Vilagocende.
–    Baixada na Ponte do Souto.
–    Baixada Airixín.
–    Pena do Inferno.
–    Subida da Gamalleira.

http://www.deputacionlugo.gal/gl/node/71306

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Deporte

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *