EDUCACIÓN LICITA A REHABILITACIÓN DO CEIP PLURILINGÜE DE A FONSAGRADA

Os traballos comezarán a executarse a mediados do mes de xullo

Escrito por

A Fonsagrada, 11 de maio de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou onte na plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de rehabilitación integral do  CEIP Plurilingüe Santa María (A Fonsagrada). As obras realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán a executarse a mediados do mes de xullo.

A rehabilitación integral do colexio fonsagradino contará cun orzamento de 1.011.676,09 euros. As melloras en materia de eficiencia enerxética previstas (substitución de material de cubrición por panel sándwich nervados de chapa prelacada de aceiro, illamento térmico baixo cuberta e na fachada con sistema SATE, substitución de fiestras e persianas e colocación de novas luminarias) suporán un aforro do 45 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 47,40% en emisións de CO2.

A maiores destas actuacións, mellorarase a accesibilidade do edificio coa instalación dun ascensor no bloque central e a reforma de ramplas, renovaranse varios aseos de alumnos e profesores e mudarase o pavimento das aulas de Infantil por un novo pavimento vinílico . Así mesmo, colocaranse válvulas termostáticas nos radiadores existentes e instalaranse 12 novos radiadores, así como falso teito rexistrable, con panel acústico de lá de roca en aulas, biblioteca, despachos e hall principal e de placa vinílica en aseos, almacéns e salas de instalacións.

A obra neste centro inclúe tamén a reparación e pintado de paramentos interiores en base ao Estudo cromático para Centros de Educación Infantil e Primaria da Consellería, o pulido do pavimento de terrazo e o esmaltado das carpinterías interiores e radiadores do centro.

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Cultura

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *