Programa electoral do BNG A Fonsagrada

“A Fonsagrada coas ideas claras”

Escrito por
[Nota do Xornal da Fonsagrada: A continuación reprodúcese o programa electoral do BNG A Fonsagrada tal e como nolo remitiu o propio partido]

A Fonsagrada, durante estes 15 anos de goberno socialista, non conseguiu solucionar, todas as necesidades reais que a veciñanza precisa. Pero, ademais, na actual xestión do goberno municipal instauráronse prácticas que  perseguen asentamento no  poder e, por riba, este goberno non foi dono das súas propias rendas para traballar. Pasou a ser un actor teledirixido, sometido aos intereses partidistas, onde as inquedanzas e necesidades da veciñanza quedaron nun segundo plano.

Estes feitos recóllense claramente como o actual goberno municipal nega servizos aos veciños, como por exemplo o equipo dos GES e a piscina municipal, entre outros. A consecuencia desta pasividade ante os aspectos de mellora dos veciños e veciñas é perder os servizos que A Fonsagrada ten como Concello e como capitalidade da comarca e que tamén se demostraron ante a pasividade da supresión do Rexistro da Propiedade.

O BNG da Fonsagrada pensa que A Fonsagrada e a súa xente non merecen esta situación, cre que temos que ter os mesmos servizos que os outros concellos, nin máis nin menos. Esta candidatura ten como referencia que estes feitos non se poden consentir, porque é unha dinámica que afecta directamente ao principio de equidade e de benestar dos veciños e veciñas. Ten como referencia que o noso Concello precisa dun novo rumbo, para rexeneralo totalmente e convertelo nun Concello cheo de ilusión e vitalidade.

Xa non só na forma de xestionar os recursos de todas e todos os veciños, senón establecendo entre todos os implicados na vida pública do Concello unha suma en positivo para mellorar a vida dos veciños e veciñas.

Os Concellos son unha ferramenta que é vital para transformar de forma real a vida das persoas, onde o BNG sabeo ben alí nos concellos onde goberna tal como reflicten os resultados. E desta maneira construír A Fonsagrada que queremos para a Galiza que desexamos.

Unha Fonsagrada onde o máis noso está en constante vinculación coas nosas formas de vivir, para traballar do noso e que o no noso non sexa unha idea inviable, onde os dereitos das persoas sexan visibles en cada decisión , onde as mulleres rurais teñan o sitio que merecen, onde a túa voz participe na hora de decidir nos feitos. Todo ese rumbo é o que verdadeiramente precisa o noso Concello, e o BNG quere propoñer un cambio para A Fonsagrada que se desenvolve nos seguintes eidos.

EMPREGO E SECTORES PRODUTIVOS

Un concello gobernado polo BNG aposta pola mellora dos nosos sectores produtivos, xa que temos unha enorme potencialidade que temos que conformar nun modelo económico sostible e forte, para hoxe e o futuro. Onde poidamos vivir e traballar do noso, evitando o despoboamento e a emigración.

O sector agrogandeiro é un dos piares fundamentais que sosteñen o noso municipio. A colaboración cos produtores é clave para a posta en valor das súas explotacións, facilitarlles a obtención de terras agrarias suficientes para o seu desenvolvemento para así mellorar o colectivo engadindo valor ao noso municipio.

Apostamos pola rendibilidade do noso monte e o potencial dos nosos ríos, revitalizalos e coidalos é fundamental. O BNG ten como eixo o control das especies invasoras, cuxa mellor maneira é a través do asesoramento. Propoñemos o asesoramento na materia forestal e agrogandeira acompañados coa realización de cursos de formación ás propietarias e propietarios, axudando a ter un tecido máis o forte e especializado que xera maior competitividade e posicionamento da Fonsagrada como zona produtora, pero tamén de oportunidade a novos mercados e así fomentando o emprendemento local.

No caso dos ríos, son un recurso valioso á hora de xerar actividades económicas (como por exemplo, o turismo de pesca), pero tamén á hora de consolidar a nosa natureza e ter un monte vivo e produtivo. Mantemos a postura de colaborar coa Xunta, a conca hidrográfica e as institucións pertinentes para achegar a un plan para revitalizalos e mellorar a situación de eles. Ademais de ser un recurso que precisa da nosa atención polo impacto que posúe ante o medio ambiente.

Deste principio, temos que ter en conta o transfundo destas políticas, a paisaxe. Coidar e mantela debe ser unha dinámica constante, xa que trátase do noso recurso turístico máis importante, e por iso, temos que facer unha política en consonancia. O turismo ben acompañado deste feito é un dos elementos económicos máis interesantes. Temos un potencial que hai que guialo xunto co tecido imporante que xa existe neste ámbito.

Por último, potenciar o tecido industrial co desenvolvemento de industrias de transformación, como poden ser os recursos madeireiros e do agro. Para isto é necesario a construción do polígono industrial, creando unha estratexia de achegamento de empresas e persoas  para que interveñan no desenvolvemento da economía municipal, principalmente a través da dinamización dos recursos que temos, fomentando o comercio.

POLÍTICAS SOCIAIS E SERVIZOS PÚBLICOS

SANIDADE

Solicitaremos enerxicamente á Conselleira de Sanidade que o servizo de seguimento das embarazadas se faga no noso Centro de Saúde. Non é de recibo que as mulleres da Fonsagrada teñan que ter esta atención no Centro de Becerreá, co que implica un desprazamento de máis de 45 minutos en coche. A Fonsagrada ten que contar cos mesmos servizos que noutros concellos, á hora de recibir este servizo xa que ten que seguir o principio da saúde da muller durante este proceso e non polo número de mulleres que se atopan nel. Ademais pon trabas para o asentamento e de poboación, por iso, para traballar que haxa máis nacementos temos que poñer facilidades para este proceso e reclamalos ante as institucións que o xestionan.

-EDUCACIÓN

Ningunha nena nin neno da contorna pode ter trabas na súa educación. Ten que existir unha implicación por parte  do Concello na escolarización de todas as nenas e nenos do noso municipio e dos municipios limítrofes nos centros da vila. Xa que se demandan este feito, ten que aplicarse a gratuidade do transporte escolar. Tamén instamos á modificación da categoría do Centro de Atención de 0 a 3 anos. Hoxe, trátase dun punto de Atención á Infancia e, dende o BNG, cremos que debe ter a categoría de escola infantil,  implicando a Xunta a que modifique esta situación e que poña os recursos necesarios, adaptando o espazo necesario, o aumento de persoal e un horario axeitado.

Tamén no ensino secundario, a implantación de ciclos formativos vinculados ó sector primario, forestal e agrario ou na artesanía de vellos oficios.

MAIORES

Apertura real da residencia ROIS, con atención na habilitación para persoas dependentes de calquera grao. Para iso é necesario unha xestión pública eficaz dos servizos que oferte ademais de cumprir un principio que se ten que cumprir nas residencias de titularidade pública.

Proponse facer dende o Concello un rexistro das persoas que viven soas para intervir en causas alleas e de excepcionalidade, como poden ser temporais ou no noso caso máis próximo as nevaradas. De forma que achegándonos a elas nestes casos para poder subministrarlles aquelas necesidades que supoñan no momento.

GRUPOS DE EMERXENCIA SUPRAMUNICIPAIS (GES)

Recuperación deste servizo con base no noso concello. Este servizo que deixamos de ter por unha posición intransixente do Goberno municipal, é vital para A Fonsagrada e a comarca, sempre que desempeñe o traballo para o que foi creado: limpeza de maleza na contorna dos núcleos de poboación e de camiños, intervención nos caso de accidentes e no caso de incendios en vivendas ou instalacións agrarias, así como apertura de pistas atrousadas por caídas de canas ou derrubes, entre outros.

SERVIZOS MUNICIPAIS. PERSOAL DO CONCELLO

Regularización dos postos de traballo do Concello, e cubrir definitivamente aqueles postos vacantes que son imprescindibles para o desenvolvemento da xestión municipal

URBANISMO

Facer inventario de todas as construcións ruinosas que haxa no noso municipio, sen limitarnos ás da vila, e demandar dos propietarios o mantemento delas ou a retirada dos seus restos. Ninguén ten que convivir coas ruínas que podan supoñer un perigo para a súa vida e que empeoran a imaxe dos nosos pobos. Axilización das licencias de novas construcións e aplicacións das normativas a todas e todos por igual.

Así coidando a estética das construcións tradicionais da Fonsagrada, sendo un recurso a mellorar e consolidar que as formas propias son un valor propio que identifica o municipio. Proponse un proxecto de restauración de fachadas en enclaves do concello mediante repintados en formas artísticas, como son os casos dos murais culturais, tanto se pode ser posible. Este feito pon A Fonsagrada na vangarda que outros concellos fan neste sentido, atribuíndo ao fortalecemento turístico e cultural.

 

INFRAESTRUTURAS

ESTRADAS

O arranxo das pistas e estradas municipais non é un favor que teñamos que agradecer, é un dereito. Propoñemos a elaboración no primeiro semestre do mandato dun inventario das pistas e estradas de titularidade municipal establecendo prioridades para o seu mantemento ou arranxo.

MELLORA DO SERVIZO DE AUGAS

Construción da presa do Muradal. Os 30.000 euros anuais de gastos de electricidade que supón o bombeo de auga do río de San Pedro de Neiro á vila, xa tiñan compensado o seu custo.

MELLORA E REHABILITACIÓN DE INSTALACIÓNS NO CONCELLO

Utilización das instalacións do vello Concello para fins culturais e sociais. O BNG xa traballou durante o mandato 2011-2015 cunha moción con esta petición, cuxo resultado foi a denegación tanto de PSOE-PSdeG e PP en contra.

Pero tamén a recuperación doutros edificios de titularidade pública para achegar novas actividades e fins nelas, como o caso dos colexios de Vilardíaz ou Paradavella. É unha mágoa que estes edificios queden no esquecemento e catapultados cara á súa morte. Por iso, é necesario facer un estudo coas institucións competentes e facer un estudo de que servizos ou actividades se poden establecer neles.

CULTURA

Temos claro que A Fonsagrada é un referente cultural en Galiza, sobre todo no eido folclórico e da tradición cultural grazas aos nosos artistas. E, como queremos seguir séndoo, é de cumprido tratamento o favorecer actividades na recuperación, mantemento e proxección da nosa riqueza cultural.

Apoiando a música galega e en galego. Deste xeito, manter unha estreita colaboración coas as asociacións que desenvolven este papel. Como se viu, a xa coñecida Foliada da Fonsagrada converteuse nun referente a nivel galego, polo tanto débese manter e agrandala cun posicionamento institucional real á hora de investir e fomentala, xa que conseguiu establecerse como un evento propio do municipio. Pero tamén a dos artistas de outros eidos que amosen as inquedanzas artísticas que desenvolven na Fonsagrada ou sobre as da zona, como son os artesáns.

Ofertar e fomentar a practica de actividades culturais ao longo do ano, pero con especial atención no verán, onde nos momentos de lecer da veciñanza teña ofertas culturais dentro do municipio, aproveitando a existencia do noso MUSEO COMARCAL, que dada a súa historia e a súa implicación na nosa cultura, etnografía e arqueoloxía, é un ben inestimable que debemos aproveitar e potenciar, sendo como é o único ente cultural que hai hoxe no noso municipio. Así, poderanse desenvolver nel obradoiros e ciclos de charlas sobre a propia cultura da Fonsagrada,  a súa arquitectura, natureza, historia, arte e outros aspectos culturais.

Fomentaremos a realización de festivais, obras de teatro, cine, e outros espectáculos, así como actividade máis participativas, coo poden ser as rutas de sendeirismo, para implicar a todas e todos no coñecemento da nosa contorna.

Temos que coidar o noso Camiño Primitivo. Este Ben da Humanidade ten que ter un mantemento real e con moita atención tanto no estado da súa limpeza e sinalización como nas instalacións que conforman a rede de peregrinación do Camiño de Santiago, é por isto que instamos á Xunta a mellorar as instalacións do Albergue da Casa de Pasarín con dotacións de lavadoras e secadoras para os peregrinos, xa que actualmente deixan de utilizalo por carecer delas.

DEPORTE

Estimular o deporte de base a través de escolas municipais de deportes en distintas modalidades tendo en conta, ademais do fútbol, os deportes que aporten un valor engadido ao noso concello, deportes que respecten a natureza, impulsando A Fonsagrada como punto de referencia nos deportes verdes e sostibles. Isto ben que o Concello ten que ter unha implicación determinante na participación das nenas e nenos dos distintos pobos do municipio e dos limítrofes para formar grupos ou equipos  coa finalidade de que poidan competir sen ter que integrarse en equipos de outros concellos.

Para incentivar a práctica deportiva a todos os veciños e veciñas proponse a instalación na Alameda dun ximnasio ao aire libre onde existan aparellos que axuden a unha vida máis san e áxil para todas e todos, de tódalas idades, así como apostar definitivamente pola construción dunha piscina municipal e cuxa xestión sexa pública, como teñen todos os concellos que nos arrodean.

PARTICIPACIÓN E TRANSPARENCIA

A xestión do municipio ten que estar en total combinación coa veciñanza. O BNG propón consellos de participación en diferentes áreas onde os veciños e veciñas poidan participar na hora de facer a política do Concello, porque ter a opinión de todas e todos é fundamental para xestionar e propor visións acerca do que nos afecta. Por iso, o achegamento vai ser tanto na vila como nas parroquias. Tamén mostrar aqueles feitos que ten o Concello, porque trátase dunha institución que todas e todos temos que saber o que pasa nel. Ten como referencia o concelleiro da Veciñanza e a constitución da mesma concellería.

Arranxar vías de comunicación para a posta das actividades do Concello en diferentes espazos e así mellorar a participación nestas.

UNHA FONSAGRADA POLA IGUALDADE

Sabemos que a muller ten que ter o papel que lle foi arrincado. Por iso, queremos potenciar o asociacionismo de mulleres e facer ciclos de visibilización da muller. Así como plans e o fomento do Consello Municipal da Muller.

Como a inclusión da Fonsagrada dentro da rede En Negro Contra As Violencias, para que tanto a veciñanza como os axentes sociais e económicos sumemos contra o machismo, fomentando a dinámicas de concienciación e fomento das liberdades dentro do Concello.

MOCIDADE

Creación do Casa da Mocidade. Trátase dun espazo onde se desenvolva a política municipal neste eido e ten como eixo o asociacionismo xuvenil e a dinamización sociocultural. Neste enclave proponse recuperar a Oficina Municipal de Información Xuvenil, e emprender a través dela programas europeos no marco do Erasmus+ en beneficio do noso concello e da nosa mocidade. Elaborar un plan de emprego xuvenil adaptado á realidade do noso Concello, evitando así o avellentamento da poboación e creando oportunidades para que a xente moza teña a oportunidade de quedarse. Onde tamén se fagan programas para favorecer e promover os proxectos de emprendedores da xente nova a través do acompañamento e desenvolvemento desde o seu inicio. Este espazo tamén oferta novas formas de lecer.

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Política · Sen categorizar

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *