O PP pide que se tomen medidas ante a alarmante baixada de alumnos no colexio

O Grupo Municipal do PP na Fonsagrada vén de presentar unha instancia ante o Concello solicitando ao equipo de Goberno local que “tome as medidas precisas, como fixeron outros Concellos” para “asentar familias no municipio”

Escrito por

A Fonsagrada, 12 de xullo de 2019. Os populares da Fonsagrada demandan “políticas de emprego e servizos que permitan conciliar a vida laboral e familiar” co obxectivo de “asentar poboación activa no concello” e, polo tanto, familias con nenos e nenas. De feito, dende o Grupo Municipal do PP alertan do descenso de alumnado de entre 3 e 6 anos de idade no CEIP Plurilingüe Santa María para o vindeiro curso 2019/2020 e solicitan, a través dunha instancia que teñen presentado no Concello, medidas para paliar esta situación.

Concretamente, os edís do PP na Fonsagrada propoñen “facilitar vivenda a  todas aquelas familias con fillos que decidan traballar e vivir na Fonsagrada” tomando como exemplo “as medidas que están a impulsar outros Concellos coma o de Trabada, que está pasando por unha situación semellante á nosa; pero que xa conseguiu que 16 familias se interesen por asentarse no municipio”.

Os populares explican que “o vindeiro curso académico 2019/2020, por mor dun descenso no número de alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, o CEIP Plurilingüe Santa María verá reducido en dous o número de mestres -un de Educación Infantil e outro de apoio-”. Isto suporá que “nunha mesma aula haxa mesturado alumnado de dous cursos de Infantil coas conseguintes consecuencias negativas para o seu rendemento académico”. Ademais, “outra das consecuencias será que se deixen de realizar os desdobres que se facían en cursos de Primaria”, engaden.

Colaboración en beneficio de todos

Os populares fonsagradinos entenden que “o equipo de Goberno do noso Concello debe estar ao corrente desta situación, xa que o Concello conta cun representante no Consello Escolar do Centro. Pero, no caso de non estar ao tanto, poñémonos á súa enteira disposición tanto para afondar no problema como para buscar solucións ao mesmo”, manifestan ofrecendo a súa colaboración “sempre e cando se traballe por todos e para todos”.

Etiquetas do artigo:
Categorías do artigo:
Política

Comentar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *